O pavillón municipal de Barreiros estrea marcador e círculo central

Publicado originalmente en AgendaOccidente.es

Nos últimos días o pavillón municipal de Barreiros dotouse dun marcador novo, para substituír o existente, despois de numerosos erros de funcionamento. Este novo e moderno marcador multideportivo electrónico conta con tecnoloxía LED CMS de alta luminosidade e un sistema de control moito máis sinxelo e intuitivo que o anterior.

Igualmente, dotouse a pista de xogo dun novo círculo central que cumpre coas medidas regulamentarias para a práctica do fútbol sala, deporte máis habitual na instalación. Dito círculo, de vinilo específico para pistas deportivas, amosa o escudo do Concello e combina en cores con outros elementos do pavillón renovados tamén nos últimos anos, como protectores de columnas ou barandas.

O concelleiro de Dinamización, Dani García, explicou que se trata “dun novo investimento no ámbito do deporte e a saúde, nun espazo utilizado por numerosa poboación de todas as idades e que alberga, ademais, competicións oficiais do club local.”

García sinala o “especial esforzo constante que se está a facer desde o goberno municipal por dotar a Barreiros dunhas instalacións deportivas modernas e adecuadas á práctica que se leva a cabo nelas.”

Este investimento levouse a cabo grazas a un novo acordo entre o Concello de Barreiros e a área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.