
Publicado originalmente en AgendaOccidente.es
Whigfield, unha das figuras máis icónicas do pop-dance europeo, que acadou fama mundial nos anos 90 co seu himno xeracional Saturday Night, visitará Galicia o xoves 9 de xullo, mentres que o sábado 11 de xullo chegaralle a súa quenda a unha das artistas máis singulares e festexadas da escena drag internacional do momento, Choriza May
O Atlantic Pride regresará á Coruña do 5 ao 12 de xullo de 2026 para celebrar a súa sétima edición, tras consolidarse en 2025 como un referente dos ‘Orgullos’ que teñen lugar ao longo de toda a Península, con preto de 45.000 asistentes
Un ano máis, no programa deste ‘Orgullo do Norte’ –no que tamén está confirmada xa a actuación de Miriam Rodríguez– terán cabida grandes figuras pop de hoxe e de sempre, coloridas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBIQ+
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade da Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, con propostas musicais para todos os públicos
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
A Coruña, 17 de decembro de 2025.- O Festival Atlantic Pride anuncia novos nomes no seu cartel para este verán: Whigfield, icono dance internacional, responsable, entre moitos outros, do himno noventeiro Saturday Night, e Choriza May, unha das artistas máis singulares da escena drag mundial do momento, visitarán Galicia para festexar a diversidade e o pop máis universal no ‘Orgullo do Norte’ coruñés o próximo mes de xullo. A estrela danesa do dance encherá os Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina a noite do xoves 9 de xullo, mentres que o descaro e o humor de Choriza May chegará á Coruña, tamén ao escenario dos Xardíns de Méndez Núñez, o sábado 11 de xullo.
Sannie Carlson, coñecida mundialmente como Whigfield, é unha das figuras máis icónicas do pop-dance europeo. Acadou fama internacional nos anos 90 co himno xeracional Saturday Night, que fixo historia ao debutar directamente no número 1 do Reino Unido e conquistar as pistas de baile de todo o mundo. Con millóns de discos vendidos, múltiples números 1 e unha carreira activa durante máis de dúas décadas —tanto enriba do escenario como detrás del, compoñendo e producindo para grandes nomes da electrónica—, Whigfield regresa agora aos directos cunha xira internacional chea de enerxía, nostalxia e espírito festivo, perfecta para facer bailar a todo un festival.
Pola súa banda, Choriza May é o electrizante alter ego drag de Adrián Martín. Famosa por participar en RuPaul’s Drag Race UK e UK vs The World, a artista combina humor, estética pop e crítica social nunha performance chea de enerxía e descaro. Cantante, deseñadora gráfica e autora de Formen filas, Choriza May celebra a identidade queer, a diversidade cultural e a creatividade sobre o escenario. O seu é un espectáculo irreverente e festivo que non deixa a ninguén indiferente.

SOBRE WHIGFIELD
Sannie Carlson (máis coñecida como Whigfield) é unha cantante e produtora danesa mundialmente afamada que deixou unha fonda pegada na historia da música pop-dance ao vender millóns de discos en todo o mundo. En 1994 entrou no Guinness Book of Records coa canción Saturday Night, ao converterse na primeira artista en chegar directamente ao número 1 da lista de singles do Reino Unido, vendendo máis dun millón de copias. Saturday Night foi o segundo sinxelo máis vendido no Reino Unido en 1994, só por detrás de Love Is All Around, de Wet Wet Wet. Ese mesmo ano, a canción acadou o número un en España durante 11 semanas consecutivas.
Saturday Night foi, tamén, número un no Eurochart Hot 100, en Alemaña e en Italia, así como moitos outros países. Acadou o Disco de Platino en Alemaña e no Reino Unido e o Disco de Oro en Canadá e Escandinavia. A canción fíxose especialmente famosa por ter a súa propia coreografía, creada polo propio público.
Os sinxelos posteriores de Whigfield Another Day e Think of You entraron no ‘top 10’ do Reino Unido e de múltiples países, mentres que Sexy Eyes foi número q en Australia (Disco de Platino) e ‘top 20’ en Alemaña, Suíza e Austria. O primeiro álbum da artista, Whigfield 1, obtivo o Disco de Oro en Canadá, Filipinas e India, e o Disco de Platino en Suráfrica. Gimme Gimme, do seu segundo álbum, entrou no ‘top 20’ en Australia.
A súa discografía é extraordinariamente impresionante, con numerosos sinxelos de éxito en todo o mundo e cinco álbums de estudo, cunha carreira que se estende ao longo de máis dunha década, algo moi pouco habitual para un proxecto de pop-dance. Despois de moitos anos sobre os escenarios, Whigfield decidiu centrarse na outra cara da industria musical: escribir, compoñer e producir para outros artistas, tanto DJ’s como cantantes, colaborando con nomes como o gañador dun Grammy Benny Benassi, Benassi Bros, Ann Lee, In-Grid, entre moitos outros.
Whigfield tamén gravou varios proxectos house, baixo o nome de SANNIE, coa discográfica Armada Music, entre 2017 e 2021. Os tres sinxelos How Long, In the Morning e Boys on Girls alcanzaron o número 1 nas listas do Reino Unido. Na actualidade, atópase de novo de xira por todo o mundo.
SOBRE CHORIZA MAY
Choriza May —o electrizante alter ego drag de Adrián Martín (Guadassuar, Valencia, 1991)— é unha das artistas máis singulares e transgresoras da escena drag contemporánea, con proxección internacional tanto na televisión como na música, a performance e as artes visuais. Radicada en Newcastle (Reino Unido), Choriza May alcanzou o recoñecemento global tras participar na terceira tempada de RuPaul’s Drag Race UK e máis tarde en RuPaul’s Drag Race: UK vs The World, onde encarnou a súa mestura irreverente de humor, estética pop e crítica social, representando con orgullo á comunidade inmigrante europea no Reino Unido.
O seu nome artístico —e a súa personalidade sobre o escenario— combinan referencias culturais nun xesto provocador que celebra a identidade queer con creatividade e descaro, conectando tanto coa tradición española como coa teatralidade británica. Ademais da súa carreira televisiva, Choriza lanzou éxitos musicais como My Pussy Is Like a Peach e Party In Hell, traballou como ilustradora e deseñadora gráfica en producións como We’re Here, de HBO, e colaborou con marcas do ámbito drag e da estética queer.
Máis aló da performance, Choriza May é tamén autora de Formen filas, un libro que ofrece unha mirada íntima e visualmente potente ao mundo drag desde o backstage, mostrando tanto a vulnerabilidade como a resiliencia que caracteriza esta arte performativa. A obra preséntase como un manifesto cultural e artístico dentro e fóra da escena drag contemporánea.
Con esta combinación de talento escénico, creatividade visual e compromiso social, Choriza May perfílase como unha artista clave en festivais e plataformas culturais que celebran identidade, diversidade e espectáculo contemporáneo, como é o caso do Atlantic Pride coruñés.


SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’ CORUÑÉS
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride é un festival de música pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita, que na súa 6ª edición, celebrada en xullo de 2025, reuniu a preto de 45.000 persoas na cidade da Coruña, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
O encontro nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e propuestaes culturais, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Tras seis edicións, o Atlantic Pride consolídase como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que teñen cabida coloridas propostas para todos os públicos, gustos e idades.
Así, no Atlantic Pride non faltan concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración do Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que no 2026 afrontará a súa quinta edición.
Nos seus xa seis anos de historia, o cartel de Atlantic Pride reuniu figuras como La Terremoto de Alcorcón, La Casa Azul, Ladilla Rusa, Samantha Hudson, Javiera Mena, Grande Amore, Soleá Morente, OBK, Amistades Peligrosas, Fillas de Cassandra, Joe Crepúsculo, La La Love You, Melody, Locomía, Nancys Rubias, Samantha Ballentines, Soraya, Chanel, Lucía Pérez, Las Ketchup, Luna Ki, Mondra, Nena Daconte, Nebulossa, Raúl, Rosa López, Shego, Supremme De Luxe, Vengaboys, Agoraphobia, Anabel Conde, Arantxa Castilla-La Mancha, De Ninghures, David Civera, Edurne, Judeline, Leria, Mayo, Merche ou Nia, entre moitas outras.







