Unanimidade na corporación de Barreiros en cualificar de insuficiente a aportación da Xunta ao SAF

Publicado originalmente en AgendaOccidente.es

Barreiros, 31 de marzo de 2026. O pleno do Concello de Barreiros celebrado na noite de onte acordou por unanimidade das tres forzas dirixirse á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado para solicitar a financiación íntegra do Servizo de Axuda no Fogar, dacordo coa lei de dependencia.

Tras un debate arredor da solicitude do Plan Concertado de Servizos Sociais, no que BNG, PSOE e PP coincidían na insuficiente financiación dese servizo por parte das Administracións competentes e a asfixia á que se estaban sometendo aos Concellos; a alcaldesa propuxo un acordo de urxencia para solicitar o 100% da financiación e manifestar a insuficiencia da suba anunciada pola Xunta nos últimos días.

A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “os números en groso nos servizos sociais amosan que eses servizos custan para o Concello de Barreiros 1millón de euros, aos que a Xunta aporta uns 300.000euros.”

Nesta situación é insostible que o Concello poida prestar os servizos que lle corresponden, porque se está facendo cargo da financiación dun servizo básico que afecta directamente á vida das persoas e que non pode deixar de prestar. Pero esa financiación municipal detráese doutras obras ou servizos que teríamos que poder prestar os concellos e así, estase poñendo en risco a viabilidade municipal.”

A rexedora manifestou que con este acordo das tres forzas políticas “trátase de poñer por diante a defensa dos concellos, do Concello de Barreiros, e reclamar ante quen lle corresponda que se asuman as obrigas de financiación para garantir o funcionamento do SAF e do resto de servizos municipais”.