O Concello de Barreiros mellora o parque empresarial cun investimento de 83.000 euros

Por AgendaOccidente.es.

Barreiros, 31 de outubro de 2025.

A alcaldesa, Ana Ermida, destaca a importancia destas actuacións nunha zona que non recibira ningún tipo de atención desde a súa construción, hai arredor de 20 anos. “Tratamos de atender, na medida das posibilidades, as demandas que levaban trasladándose varios anos e que axudan a mellorar a imaxe dun parque empresarial moi dinámico e que contribúe á impulsar a economía local e comarcal.”

A alcaldesa visitou no día de onte as obras que se están levando a cabo no Parque Empresarial de Barreiros.

Pendentes aínda de finalización, as actuacións realízanse sobre o viario municipal e no alumeado, renovándoo na súa totalidade. Ademais, reformulouse a rotonda de entrada para permitir un mellor acceso ao parque, renovouse a sinalización vertical e horizontal, limpáronse as beirarrúas e dotouse de novos colectores de papel e suxeitacolectores en puntos estratéxicos de servizo xeral.

Estas reformas, que responden a demandas do empresariado do polígono trasladadas nunha reunión previa, ascenden a preto de 83.000 euros, financiadas nun 80% con cargo a dúas axudas da Consellería de Economía e Emprego, que o Concello solicitou nesta anualidade.