Publicado originalmente en AgendaOccidente.es
Á vista da información traslada polas familias a respecto do sistema de admisión de alumnado para o vindeiro curso 26-27 no CEIP de San Cosme, a alcaldesa de Barreiros trasladoulles o apoio municipal nas súas demandas de transparencia da admisión de alumnado.
Ana Ermida demandou da Xunta de Galicia “claridade nas intencións a respecto do centro e pediu lealdade e respecto para as familias que teñen as súas fillas e fillos nese colexio.”
“Levamos anos asistindo a decisións veladas que van no sentido de recortar a calidade educativa no centro, o que non é de recibo se a intención é mantelo aberto”, asegura. “No seu momento xa se desentenderon do comedor escolar, tendo que asumilo o Concello para garantir un servizo complementario fundamental na calidade do centro”.
Agora vemos como reducen a admisión de alumnado para non dotar de máis recursos o colexio. “Se se mantén un centro de ensino como unha opción de matrícula, debe facerse con garantía de calidade para que o elixa”, asegura. “O que non pode a Xunta de Galicia é ir tomando medidas que empuxan ás familias a adoptar decisións por medo a non ter garantida a continuidade no colexio que elixiron para as súas nenas e nenos. A administración educativa terá que aclarar cal é o futuro do Colexio e ser transparente, pois do contrario, estarían xogando e chantaxeando pola vía dos feitos ás familias para xustificar unha decisión que non queren asumir.”







