
Publicado originalmente en AgendaOccidente.es
- Barreiros acollerá o vindeiro 10 de outubro a proba que cumpre 10 anos cun percorrido de 17 kms e 1.000 metros de desnivel positivo.
- O período de inscrición para esta cita finaliza o xoves 8 de outubro.
Barreiros, 1 de outubro de 2026. No día de onte, Barreiros acolleu a presentación dunha das probas estrela do outono deportivo na comarca, o Trail Monte Comado, que este ano cumpre dez edicións. Ao acto de presentación acudiron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e membros da entidade presentadora, a Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado.
Alcanzar unha década de vida converte nunha edición moi especial a esta proba, un fito que puxo en relevo a alcaldesa, Ana Ermida, quen destacou “o traballo constante das asociacións no esforzo por dinamizar Barreiros, desestacionalizar o turismo e promover o deporte. Chegar a dez edicións dunha carreira de montaña demostra a solidez dun proxecto que xa é todo un orgullo para o noso concello”. Pola súa banda, o concelleiro Dani García subliñou a importancia da colaboración entre colectivos e administracións para facer de Barreiros un auténtico referente comarcal no atletismo e nas carreiras populares a través do circuíto +KmsBarreiros.
Un circuíto exixente e de gran valor paisaxístico
A cita celebrarase o vindeiro sábado 10 de outubro, con saída e meta situadas a carón da igrexa e da pista de pádel en San Miguel de Reinante, dende onde as persoas asistentes tomarán a saída ás 10:00 horas. O trazado constará dun único percorrido de aproximadamente 17 quilómetros e 1.000 metros de desnivel positivo, transcorrendo por sendeiros e camiños forestais que inclúen a subida do 1/2km Vertical ofrecendo así un reto deportivo único combinado esforzo con vistas excepcionais.
Inscricións abertas
A presentación lembra que a participación está limitada a 150 deportistas e que o prazo de inscrición finaliza o vindeiro xoves 8 de outubro ás 23:59 horas. Toda a información detallada, regulamento e inscricións pódense atopar web www.maiskmsbarreiros.gal






