Barreiros contará cun mirador e novo equipamento na Praza de Reinante

Publicado originalmente en AgendaOccidente.es

A alcaldesa, Ana Ermida, anunciou na mañá de hoxe que o Concello de Barreiros vén de lograr unha subvención para completar as actuacións feitas no ano pasado na Praza de Reinante.

Neste caso, “trátase de obras para poñer en valor a parte alta da pista, desde onde hai unhas vistas impresionantes, e que non estaba adecuada para usar.”

Ermida explicou que se instalará unha pérgola de madeira baixo a que se colocarán mesas e bancos, un xogo infantil e elementos decorativos como macetas e farolas ou aparcabicis e papeleiras. Ademais, instalarase iluminación en toda a zona, soterrando o cableado que pasa por diante da Praza, mellorando as vistas e repararase o acceso a esa parte alta mediante a adecuación dun acceso peonil con elementos de seguridade.”

A alcaldesa mostrouse especialmente entusiasmada con este proxecto no que “levamos tempo traballando e que completa as actuacións de mellora da Praza feitas o ano pasado, cun convenio coa Vicepresidencia da Deputación”.

Ana Ermida admite que “é un espazo moi especial que foi construído pola propia veciñanza e que merece ser recuperado para o seu uso desde o respecto e a posta en valor de todo o patrimonio que a rodea. Ademais, trátase do único espazo público que existe nesa parroquia para poder crear un lugar de esparexemento e socialización”.

Do orzamento presentado inicialmente, que superaba os 80.000€, serán subvencionados con cargo ás subvencións convocadas pola Xunta para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG núm 37, do 21 de febreiro), algo máis de 72.000€.