Barreiros celebrou a gala final do circuíto +KmsBarreiros ante un cheo absoluto de público

Publicado originalmente en AgendaOccidente.es

No acto repartíronse 1.000 euros en premios así como diversos galardóns ás persoas gañadoras das distintas categorías.

Barreiros, 1 de decembro de 2025. O Concello de Barreiros celebrou onte a gala fin do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025 nun abarrotado centro sociocultural onde se reuniron atletas, familias, presentadores e colaboradores amantes do deporte. O acto contou coa presenza da alcaldesa, Ana Ermida, e do concelleiro de deportes e deputado provincial, Dani García.

A gala permitiu repasar, a través de imaxes e vídeos, os mellores momentos das seis probas que compoñen o circuíto: a Carreira Solidaria de Reis (xaneiro), a Carreira das Praias (abril), o 1/2 Km Vertical (xullo), a Benquerencia Terra-Mar (agosto), o Trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro).

Durante a cerimonia de premiación entregáronse os trofeos e agasallos das distintas categorías, incluíndo os premios en metálico ás clasificacións xerais absolutas e ás persoas gañadoras de cada categoría adulta. En total repartíronse 1.000 euros en premios.

Clasificación xeral absoluta feminina

  1. Miriam Folgueira Rico
  2. Romina Reimondo Gasalla
  3. Lourdes López Villar

Clasificación xeral absoluta masculina

  1. David Manuel Martínez Rodil
  2. Óscar Murado
  3. Manuel Pérez Pérez

Tamén recibiron un recoñecemento especial as e os atletas que participaron en todas as probas do circuíto: cinco carreiras para as categorías inferiores e seis para as persoas adultas.