
Publicado originalmente en AgendaOccidente.es
As actuacións comprenderán as parroquias de San Miguel, Benquerencia, San Cosme, Celeiro, San Xusto, Cabarcos e Vilamartín Pequeño.
Barreiros, 25 de febreiro de 2026. O Concello de Barreiros incluíu dentro dos investimentos a sufragar co Plan Deputación 2026 4 kms de vías municipais que se suman aos arranxados anualmente, dentro da planificación existente no municipio.
Nesta ocasión as vías sobre as que se actuará serán nos Campos e Pumarín, en San Miguel; nas Grandas, en Benquerencia; en Rexa, A Veiga e Xuntoaigrexa, en Celeiro; na Rilleira; de Novás ao cemiterio, en San Xusto; na Aldea, en Vilamartín Pequeno e o cambio de varandas sobre a vía do tren en Vilar, en San Cosme.
A alcaldesa, Ana Ermida, asegurou que se trata dunha actuación integral que inclúe traballos en aglomerado, rego ou formigón, en función das necesidades técnicas das vías.
O concelleiro de Obras, Antonio Veiga, sinalou a necesidade de actuar “unha vez que comezan a remitir os temporais, sendo este inverno un dos máis duros dos últimos anos; debido ás importantes e continuas choivas.”
O edil sinala tamén que se mantén unha planificación nas actuacións coa que se priorizan os accesos a núcleos ou explotacións e na que tamén se ten en conta a concorrencia doutras vías de financiación, coas que se ampliarán as zonas nas que se actúa.
Con estes investimentos, o goberno municipal supera os 100kms de pistas municipais nos que se actuou desde o ano 2019.







