
Publicado originalmente en AgendaOccidente.es
Durante os meses de xullo e agosto Barreiros ofrecerá visitas guiadas para coñecer o seu patrimonio, natureza e identidade locais.
Cun total de 6 propostas distribuidas en diferentes datas e localizacións os asistentes poderán descubrir a riqueza e singularidade do territorio.
Barreiros, 30 de xuño de 2026. O Concello de Barreiros pon en marcha unha nova edición do seu programa de visitas guiadas “Barreiros queda en ti” durante os meses de xullo e agosto na que xa é a súa sexta edición amosando a diversidade cultural, natural así como a historia e identidade do territorio.
A Alcaldesa, Ana Ermida, explica que “Barreiros é un concello cun patrimonio en gran parte descoñecido. As visitas guiadas son unha das maneiras máis enriquecedoras de coñecelo e comprendelo, permitindo ademáis aos asistentes conectar emocionalmente co lugar.” E engade que “deste xeito non só se divulga o seu valor, senón que tamén se fomenta a súa conservación.”
A través de percorridos de diferentes temáticas e en diferentes localizacións os asistentes terán unha oportunidade excelente para coñecer Barreiros da man de guías e anfitrións que nos descubrirán detalles, lugares e historias locais aportando novas perspectivas sobre a singularidade do territorio.
Nesta edición o programa consta das seguintes 6 propostas distribuídas nun total de 15 datas ao longo do verán:
– “A vida aos pés do Mar Pequeno”. Unha ruta aos pés da ría aproveitando a baixamar para coñecer máis de preto este espazo natural desde o punto de vista ambiental pero tamén cultural. A beleza paisaxística deste espazo será o marco para descubrir os seus numerosos valores.
– “O día a día dun gandeiro”. Ás xa tradicionais visitas á gandaría Mantoño Holstein en San Xusto de Cabarcos, este ano únese ao programa a gandaría Cid de Vilamartín Pequeno. A través de calquera delas poderemos coñecer a labor diaria da produción de leite, unha das propuestaes económicas máis representativas de Barreiros ao longo da súa historia, e que contribúe a seguir mantendo o rural vivo.
– Rutas xeolóxicas “Litoral de Barreiros”. Esta edición 2026 tamén trae novidades a esta modalidade de visita, estreando un novo percorrido denominado “A forza das ondas, a forma da costa”, que terá lugar entre as praias de Remior e San Bartolo permitíndonos coñecer a historia xeolóxica deste sector costeiro e a interpretar a súa evolución. Ademais, mantense o habitual itinerario pola parte oriental do municipio que estará concentrado entre as praias de Fontela-Valea e A Pasada e que pasa a denominarse “Entre furnas e pregues”. Neste caso terá como protagonistas ao pregue xeolóxico situado na praia canina de Punta Corveira e ás formacións rochosas singulares deste sector costeiro.
– San Miguel de Reinante, pasado moi presente. Un paseo polo San Miguel urbano e rural no que se fará unha retrospectiva sobre a vida no pobo a través de diferentes vestixios patrimoniais que son testemuñas do pasado destacando, en número, as edificacións indianas.
Ana Ermida expresa “un agradecemento especial a tódalas persoas que fan posible o desenvolvemento destas visitas” e anima á participación da veciñanza e visitantes.
Tódalas visitas son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse, no prazo correspondente, a través da páxina web de turismo municipal www.barreirosturismo.gal (sección ”Actualidade e Axenda”). Para resolver dúbidas poden contactar coa Oficina de Turismo municipal, teléfono 982 134 400.







