Barreiros unirá a veciñanza nun mural colaborativo contra as violencias machistas os días 16 e 17 de xuño

Publicado originalmente en AgendaOccidente.es

A iniciativa, financiada polos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estará conducida polo recoñecido artista Leandro Lamas e incidirá no carácter interxeracional e comunitario das políticas de igualdade do Goberno local.

Barreiros, 9 de xuño de 2026. O Concello de Barreiros dará un novo paso adiante no seu compromiso pola igualdade e contra as violencias machistas coa creación dun mural colaborativo que se desenvolverá os vindeiros días 16 e 17 de xuño. Esta acción, que conta co financiamento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, concíbese como un espazo de encontro, reflexión e expresión artística compartida para toda a veciñanza.

​A propuestae estará coordinada polo pintor e ilustrador galego Leandro Lamas, cuxo estilo vitalista, colorista e de fonda sensibilidade social guiará aos asistentes. A implicación do artista vai máis alá do deseño técnico: Lamas traballará man a man coa comunidade, facilitando que persoas de todas as idades plasmen no espazo público unha mensaxe rotunda de rexeitamento ao machismo e de aposta polas relacións libres e respectuosas.

Unha política de igualdade transformadora e transversal

​Dende o Goberno municipal de Barreiros sinálase que este mural non é un feito illado, senón parte dunha estratexia política continua, decidida e transversal que pon o foco na prevención e na visibilización deste problema estrutural.

​A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou a importancia de levar a loita feminista ás rúas e de facela partícipe a toda a sociedade:

«En Barreiros entendemos que a loita contra as violencias machistas non se constrúe dende os despachos, senón tecendo redes no comunitario. Este mural é política en maiúsculas: ocupamos o espazo público para visibilizar o noso compromiso irrenunciable cun concello libre de machismo. Queremos que cada persoa que pase por aquí lembre que esta é unha tarefa colectiva e que o Goberno de Barreiros está e estará sempre na vangarda da defensa dos dereitos das mulleres.»

Acción interxeracional e implicación veciñal

​Un dos piares fundamentais desta convocatoria é o seu carácter interxeracional, procurando que compartan pinceis e reflexións tanto a mocidade como os sectores máis maiores do municipio, propiciando un diálogo fundamental para erradicar estereotipos e compartir experiencias de respecto.

​Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, quixo poñer en valor o traballo que se vén desenvolvendo dende a súa área e a metodoloxía elixida para esta acción:

«Traballar na igualdade esixe constancia e ferramentas que impliquen directamente á veciñanza. Contar cun creador como Leandro Lamas, que sabe captar perfectamente a alma comunitaria e a sensibilidade desta causa, é un privilexio. Con este mural unimos a diferentes xeracións de barreirenses nun obxectivo común: aprender xuntas, escoitarnos e deixar unha pegada artística permanente que diga ‘non’ a calquera tipo de violencia contra as mulleres. Seguimos demostrando con feitos que as políticas de igualdade son unha prioridade absoluta na nosa xestión.»

​O Concello de Barreiros convida formalmente a todo o tecido asociativo, centros educativos e á veciñanza a título individual a sumarse ás xornadas dos días 16 e 17 de xuño para construír, entre todas e todos, un espazo de cor, dignidade e xustiza social.