Publicado originalmente en AgendaOccidente.es
As dúas recoñecidas artistas, antigas integrantes de A Panadaría, unha das formacións que marcou o rumbo da escena teatral galega da última década, emprenden unha nova aventura escénica, mesturando música, teatro e humor acedo e reivindicativo
Este novo desafío de Ailén e Areta é o lugar que elas atopan para contar o que queren e do xeito que lles gusta
No seu camiño artístico, que agora continúan cun novo horizonte aberto, as teatreiras recibiron máis dunha vintena de premios, que distinguen o seu labor no teatro, o seu bo facer na música e o seu compromiso coa igualdade e os dereitos LGTBIQ+

Galicia, 20 de maio de 2026.- «Teatro, música e outras deformidades». Baixo esta premisa nace a nova compañía de Areta Bolado e Ailén Kedelman: Torta Torta, troupe coa que estas dúas recoñecidas teatreiras galegas continúan a súa traxectoria de creación en común mesturando música, teatro e humor acedo e reivindicativo.
No seu camiño artístico, que agora continúa cun novo horizonte aberto, as artistas recibiron máis dunha vintena de premios, xuntas e por separado, que distinguen o seu labor no teatro, o seu bo facer na música e o seu compromiso coa igualdade e os dereitos LGTBIQ+.
Sobre a denominación e a motivación da súa nova compañía, as artistas apuntan: «En galego, ‘torta’ é non ir dereita, estar torcida; e tamén temos ‘retorta’, que é ser revirada. Se preguntas en castelán, vén sendo unha lapada. Se es latina, unha bollera. E xa se sabe que, en todos os lados, a falta de pan…».
Este novo desafío de Ailén Kendelman e Areta Bolado, a compañía de teatro Torta Torta, é o lugar que elas atopan para contar o que queren e do xeito que lles gusta. Como elas mesmas explican: «Torta Torta é un novo camiño que imos comezar a percorrer. Levamos moito tempo traballando xuntas e agora temos este reto de continuar e ver cara onde queremos ir, que nos apetece contar e, tamén, escoitarnos a cada unha no que queremos facer e como queremos facelo; sempre con compromiso e tendo en mente a xustiza social, poñendo o foco en temáticas silenciadas ou en colectivos dos que normalmente non se fala».
E rematan: «Trataremos, como sempre tratamos, de asumir esta responsabilidade de ser creadoras e actrices, enriba dun escenario, que é un altofalante para chegar a moitas máis persoas. E sempre con esa consciencia de aproveitar ese espazo público, ese lugar que é o teatro, para poñer o foco no que nos preocupa, o que nos indigna, o que nos parece inxusto, o que nos doe, o que nos fai gracia… Toda esa conxunción de elementos será Torta Torta».
Entre as novas iniciativas da compañía, coñécese xa o novo proxecto musical Unha señora orquestra(estreado o pasado mes de marzo), unha proposta de muller orquestra singular e festiva, na que o público participa dun concerto onde os ritmos galegos, as músicas do leste e o folclore latinoamericano se mesturan con letras reivindicativas.
Máis aló desta peza musical, Torta Torta traballa xa na súa primeira produción teatral, Manchas de sangue, unha viaxe polo tempo que fai un percorrido crítico desde os mitos e tabús sobre a menstruación até os horrores da guerra, con humor acedo e música irreverente, e da que moi pronto daranse a coñecer todos os detalles. Paralelamente, Ailén e Areta participarán a próxima semana na feira profesional Galicia Escena PRO.
O HUMOR E O COMPROMISO DE DÚAS PIONEIRAS DA NOVA ESCENA GALEGA
Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz, dramaturga, directora, pedagoga e distribuidora. Actuou, escribiu e dirixiu espectáculos multipremiados como Elisa e Marcela (A Panadaría) e As que limpan (Centro Dramático Nacional e A Panadaría) e participou, como intérprete, en montaxes como Soño dunha noite de verán (Voadora – Marta Pazos), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego) ou Somos os monstros (Berrobambán e Terra Amarela).
No eido musical, é letrista de proxectos como Triloxía da graxa ou Unha señora orquestra e directora de escena do Conxunto Internacional Áureas (premio á mellor música de verbena nos Premios Martín Códax 2017).
Diplomada en Maxisterio de Educación Primaria (UVigo), titulada na especialidade de Interpretación Textual (ESAD Galicia) e en Especialista en Dobraxe (Uvigo), recibe o Premio María Casares á mellor actriz secundaria en 2015 por PAN! PAN!, o Premio María Casares á mellor actriz protagonista, o Premio FETEGA á mellor actriz en 2018 por Elisa e Marcela e, en 2025, o Premio Xograresa de Outono do FIOT de Carballo. En Torta Torta, ademais de actriz, Areta é impulsora de proxectos, coordinadora de propuestaes pedagóxicas e realiza labores de distribución en Galicia e Portugal.
Pola súa banda, Ailén Kendelman (Buenos Aires, 1989) é actriz, multiinstrumentista, compositora, dramaturga, directora e produtora. Foi cocreadora, compositora e actriz de espectáculos multipremiados como Elisa e Marcela (A Panadaría) e As que limpan (Centro Dramático Nacional e A Panadaría) e participou, como actriz e música, en proxectos como Ris, ras, de Baobab Teatro, e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, do Centro Dramático Galego.
Ademais, foi compositora de toda a música de A Panadaría (PAN!PAN!, Panamericana, Elisa e Marcela, As que limpan) e creadora, arranxadora, instrumentista e cantante en diversos proxectos musicais como o Conxunto Internacional Áureas (premio á mellor música de verbena nos Premios Martín Códax 2017), Triloxía da graxa ou Unha señora orquestra. Forma parte do trío de Sofía Espiñeira e da banda de MJ Pérez.
Titulada na especialidade de Interpretación Xestual (ESAD Galicia), ten o Grao Profesional de Percusión e conta cunha ampla e diversa formación musical. Recibiu o Premio FETEGA á mellor interpretación en 2018 (Elisa e Marcela) ou o Premio María Casares á mellor música orixinal en 2022 pola súa banda sonora orixinal para A Cazola de Lola, de Tanxarina. En Torta Torta, ademais de compositora, actriz e creadora de proxectos, é a responsable da área de produción e xestión.







